Christiania e A Insumisa

Manuel Rivas
Manuel Rivas FIRMA INVITADA

OPINIÓN

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Creo que o asunto da Insumisa non foi ben enfocado dende o primeiro intre por moita xente e que esa iniciativa de xente moza da Coruña debería ter un apoio da maioría da sociedade. Tratábase de aproveitar para uso cultural, de debate social e labor cooperativo, un espazo común e público, non privado, abandonado dende había anos.

Vivimos nun país de brutal caída demográfica, con nova emigración xuvenil, e pasamos o tempo pedindo á mocidade que se mova, que teña iniciativa. Mais cando a ten, todo son atrancos. Todas as gaiolas saen detrás das novas ideas. Iniciativas como o centro social A Insumisa son respectadas e teñen boa acollida en diferentes cidades europeas. Velaí o caso extraordinario de Christiania, en Copenhague, que é hoxe un exemplar espazo ecolóxico e cultural admirado como modelo mundo adiante, e que naceu da ocupación duns antigos barracóns militares.

Ao primeiro, houbo un rexeitamento e mesmo intervención policial, pero axiña os daneses, de dereita a esquerda, abriron ollos e apoiaron de xeito case unánime esa experiencia comunitaria porque entenderon que unha cidade sen espazos libres, alternativos e inconformistas, acaba sendo un anacrónico escenario co corazón de pedra.

O meu apoio ao centro social desaloxado na Coruña non ten ningunha motivación política nin vai contra ninguén, nin quere interferir para nada na xestión nin na imaxe da Marea Atlántica. Participei no agromar dese movemento cívico, si, e sei que son persoas que traballan honestamente a prol da cidade e do ben común, con erros e acertos. Arestora, non pertenzo a ningún partido, tento exercer o librepensamento e apoio, dende un radical pacifismo, as causas que considero xustas.

Dende ese pensar ceibe, paréceme que o asunto do centro social A Insumisa foi mal enfocado dende o primeiro polos grupos municipais, con algunha excepción. Considerouse un problema, unha especie de doenza que había que extirpar canto antes, en vez de velo cunha mínima comprensión afectiva. Velaí están nas hemerotecas as declaracións da voceira conservadora encirrando continuamente á opinión pública contra esa mocidade activa. Chama a atención a urxencia con que Fomento destinou fondos para obrar en Comandancia, en contraste coa actitude avarenta e aforricas coas verdadeiras e importantes necesidades da Coruña e a área metropolitana. Unha sociedade aberta, con desexo de futuro, debería facilitar que agromasen dez, cen, mil centros sociais. Escolas de vida e mestizaxe de ideas, de participación, de solidariedade. Sexa benvido todo o que de positivo fagan as institucións, pero os mellores armeiros son os que nacen da xente.