Mamadou Gassama, un emigrante africano sen papeis de 22 anos, paseábase polo distrito XVIII de París buscando un sitio para ver a final da Champions League. Nun edificio do barrio, da varanda da terraza dun cuarto piso, colgaba un neniño de catro anos. A xente miraba e berraba arrepiada, e Mamadou non o pensou nin un segundo: lanzouse a rubir pola fachada do edificio. En escasos segundos chegou á cuarta planta, agarrou ao neno , levantouno como fose unha pluma e depositouno san e salvo no interior da terraza. Poden velo na internet. O presidente Macrom deuse conta de que aquilo era unha oportunidade que o destino poñía á súa disposición.
E soubo aproveitala: recepción no Palacio do Elíseo, medalla, condecoración, cidadanía francesa e traballo idóneo para o valente escalador, que será bombeiro, ademais de heroe nacional. Francia está a converterse en líder da Unión Europea e é posible que o seu exemplo de recoñecemento ao valor e a xenerosidade dun emigrante sen papeis axude a combater a onda de racismo e xenofobia que se estende como unha mancha de aceite polo continente.
Tamén é unha boa noticia a cancelación por parte da cadea televisiva ABC da serie Roseanne, moi famosa en Estados Unidos e con sona no resto do mundo, por mor dun comentario racista da protagonista sobre unha muller afroamericana.
Son momentos de luz no escuro panorama político que estamos a vivir.