O termo política provén do grego politiká e referíase a aquilo que é público. A ciencia política trata do goberno e a organización das sociedades humanas, e tamén designa unha arte de negociación para conciliar intereses.
Nalgún momento alguén engadiu que a política está encamiñada a garantir o ben común da sociedade, e os inxenuos e idealistas crérono e os cínicos finxiron crelo, pero, aténdonos á orixe do termo, tanto Stalin e Hitler como Gandhi e Mandela fixeron política.
Na política ponse en práctica con frecuencia a frase: «O fin xustifica os medios», atribuída a Maquiavelo, aínda que foi Napoleón quen a escribiu, tras ler O Príncipe. A que si dixo Maquiavelo é: «A política non ten relación coa moral».
Nestes últimos días en España temos visto varios exemplos dese modo de facer política. Primeiro: para lograr a estabilidade (un bo fin) e de paso manternos no poder, imos darlles aos vascos o que piden (medio cuestionable) Segundo: botemos a un partido corrupto (un bo fin) e, de paso, evitamos pasar polas urnas para chegar ao poder, por iso imos darlles aos vascos o que queiran (medio cuestionable) Terceiro exemplo: Unha parte dos millóns que ofrecemos aos vascos, que pasen a obras sociais. Actitude avalada pola seguinte cita: «Un príncipe prudente non debe observar a fe xurada cando semellante observancia vaia en contra dos seus intereses, e cando desaparecesen as razóns que lle fixeron prometer», O Príncipe, capítulo XVIII.
Gandhi, Mandela, Martin Luther King, o Che Guevara… son as excepcións que nos permiten seguir crendo na política encamiñada ao ben común.