Durante anos, eu incordiei a amigos meus proclives a gozar dun posto de traballo tranquilo e a non meterse en camisas de once varas, cunha frase referida a Bill Clinton: «Se podes ser presidente dos Estados Unidos, non te quedes de gobernador de Arkansas». Agora lémbranma a causa da decisión de Feijoo de non presentarse para presidir o PP. Pero as circunstancias son outras.
O xesto de Feijoo, na miña opinión, non parece obedecer ao desexo de manterse nunha situación cómoda, por coñecida e controlada (a súa terceira maioría absoluta), nin tampouco creo que fosen decisivas as razóns familiares (recente paternidade, etcétera), aínda que contribúan a provocar esa sensación de non querer arriscarse que algúns lle atribúen.
O presidente galego dixo cando anunciou a súa decisión: «Non podo fallar aos galegos», é dicir, a un electorado que lle deu o seu voto para catro anos. Este respecto aos electores e á palabra dada é tan inusual na política que o desconcerto foi maiúsculo e buscáronse mil razóns diferentes á clara razón que el deu: non se debe enganar; por exemplo, presentar unha moción de censura para convocar eleccións rapidamente e dúas semanas máis tarde dicir que quedas ata esgotar a lexislatura.
Gustaríame ver de novo a un galego presidente de España, a ver se así se nos vai esquecendo a longa ditadura doutro galego, pero de momento alégrame esta lección de boa política. E máis adiante, xa se verá…