O xeito de medir a percepción humana (a sensibilidade dos nosos sentidos) foi establecido no século XIX. Se, cos ollos pechados, nos poñen na man un peso de 100 gramos e, a continuación, nos poñen un de 10 gramos, percibimos un aumento de peso. Pero se empezamos cun de 1 kg e logo nos engaden os 10 gramos de antes, nin nos decatamos: terían que engadirnos 100 gramos (en vez de 10) para ter a mesma sensación de variación.
Co oído ocorre o mesmo e, por ese motivo, a unidade que expresa a sensación sonora (o belio, igual a 10 decibelios) é algo enganosa: aumentar a nosa percepción dun son de 100 a 110 decibelios non implica subir tan só un 10% o volume, senón que esixe... ¡multiplicalo por 10, subilo un 1.000 %! Un oído sometido a 120 decibelios estará sometido a un volume que é 1 billón de veces superior ao do seu umbral mínimo: unha auténtica tortura, unha absurda agresión á nosa saúde.
Cóntolles isto porque neste momento de verbenas quero facer unha pregunta aos responsables das orquestras: é necesario someter á xente que os escoita a ese insán e enxordecedor nivel de ruído? Que sentido ten estar no campo da festa con xente coa que non podes nin falar? Estando na casa, pídanlle a alguén que lles berre de lado da orella: insoportable, a que si? Pois iso é o que fan estando nunha verbena, engadíndolle por riba o brutal golpe do son da orquestra. Orquestras de Galicia: baixen o volume nas mesas de control de son, escoitaremos perfectamente a súa música, poderemos falar e gañaremos todos en saúde, incluídos vostedes.