Muller madura e mociño novo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

25 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En todas as noticias sobre a relación de Asia Argento e Jimmy Bennett menciónase o destacado papel da actriz no movemento #MeToo, e parece darse a entender que esa relación descualifica a súa denuncia e a súa loita contra a chantaxe sexual ás mulleres. Eu non o vexo así.

#MeToo trata da chantaxe que un adulto con poder exerce sobre unha persoa que, se non cede ás súas esixencias sexuais, ve pechado o seu camiño profesional, mentres que o caso de Argento trata da relación dun adulto cun menor. E por todo o que vai saíndo á luz, parece que se tratou dunha relación consentida e mesmo provocada polo menor. A actriz négao porque, en California, o sexo cun mozo de 17 anos é un delito, aínda que sexa consentido.

Jimmy Bennett foi un actor infantil famoso, hoxe en plena decadencia. Traballou con Asia Argento e, segundo o que ela lle escribiu hai anos a unha amiga, el soñaba con ter sexo con ela desde os doce anos. Desexo moi frecuente en adolescentes respecto de profesoras, instrutoras ou calquera veciña adulta e guapa. O que xa non é frecuente é que cheguen a realizar eses desexos.

Nas fotos que se publicaron, aos dous véselles moi contentos de estaren xuntos. Iso é evidente, como o é que el lle pediu diñeiro para non falar da súa relación e recibiu 380.000 dólares. Ningún dos dous é inocente. É posible que sacar á luz esta historia, despois de cobrar por calar, sexa só unha nova forma de chantaxe, pero é posible que detrás de Bennett haxa persoas desexosas de acalar unha das voces que máis contriburon a que as mulleres denuncien o acoso dos poderosos.