Por agora as cousas van seguir igual. Díxoo o Tribunal Constitucional: non é discriminatorio que os homes teñan menos días de permiso tras o nacemento dun fillo. Esta sentenza afasta aínda máis a previsión do Goberno e de Podemos de chegar en 2021 a 16 semanas, iguais e intransferibles para os dous proxenitores. Coido que esa falta de igualdade é discriminatoria para ambos os proxenitores. É un feito comprobado pola psicoloxía experimental que o contacto físico e emocional dos pais co recentemente nado vai favorecer unha boa relación afectiva posterior, máis íntima, máis tenra, máis próxima. Privar ao pai dese contacto é discriminatorio.
Tamén é discriminatoria esa desigualdade nos permisos para a muller, como sinalou María Luisa Balaguer, que emitiu o único voto particular contrario aos 10 favorables do resto do tribunal. Que os homes teñan menos implicación no coidado dos fillos significa que todo o coidado recaerá nas nais, e iso vai prexudicar o seu desenvolvemento profesional, xa que os permisos «desincentivan a contratación das mulleres en idade fértil».
A maternidade supón para a muller unha enorme freada no seu desenvolvemento laboral. Caitlin Moran díxoo en Como ser muller, de forma esaxerada pero certeira, apuntando a este problema. Cando a unha muller que traballa lle preguntan «Cando vas ter un fillo?», en realidade están a preguntarlle: «Cando vas fodelo todo tendo fillos?».