O PP e Cidadáns aseguran que en Bruxelas os ingleses e a UE tomáronnos o pelo, que nos meteron un gol polo escuadro mentres o noso presidente paseaba pola Habana. Poida que arrimen a ascua á súa sardiña electoral, pero, tralas labazadas da xustiza europea nos casos do procés, xa unha está disposta a crer que, de novo, fannos de menos en Europa. Pola súa banda, o presidente asegurou en TVE que nunca estivera Xibraltar en situación máis favorable aos intereses españois ca agora, trala firma dos engadidos ao tratado. Foi unha intervención breve sen admitir preguntas e con cara de tragar un sapo. Foron tranquilizadoras as declaracións do ministro de Asuntos Exteriores de Alemaña, asegurando que as garantías obtidas por España e asinadas pola Comisión, o Consello de Europa e a primeira ministra británica, sobre a interpretación do artigo 184 do Acordo de Saída «son xuridicamente vinculantes». Tamén Borrell foi categórico nas súas afirmacións: calquera negociación futura sobre Xibraltar debe ser «á parte, e ter o acordo de España». De modo que cando se negocie a futura relación entre o Reino Unido e Europa «esas negociacións non afectarán a Xibraltar». Todo parecía aclararse, pero, se viron a May dicindo que España «non conseguiu o que quería respecto a Yibrolta» (así pronuncia ela Xibraltar) e que «Yibrolta seguirá sendo británica», convirán comigo en que as cousas seguen moi escuras.