Ameazados por mulleres

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

07 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non todos, pero si suficientes para que as súas actitudes fosen recollidas por empresas que se encargan de analizar tendencias da sociedade. Como consecuencia do movemento Me too, que deu voz e forza a mulleres que durante décadas aguantaron abusos e mesmo agresións sexuais, algúns homes se senten inseguros e temen ser obxecto de falsas denuncias que mancillen a súa honra de solteiro honesto ou exemplar pai de familia.

É un temor comprensible, porque ninguén pode garantir que non haxa unha denuncia contra un home inocente, como tampouco se pode garantir que unha muller inocente non vaia a ser denunciada ou atacada sexualmente. As mulleres sentíronse inseguras pódese dicir que sempre. Agora os homes comparten esa sensación de inseguridade, que para eles é nova.

Tamén debo dicir que a inseguridade feminina é maior, porque aínda hai xuíces que pensan que unha minisaia ou os botóns desabrochados dunha blusa son signos de provocación, e que non defenderse ata morrer é signo de consentimento nunha violación.

En canto aos homes que para previr riscos deciden «evitar ás mulleres» en comidas ou viaxes de traballo, penso que pode deberse a que as súas tendencias lévanos a preferir outra compañía. E ameazar con que Me too pode ser causa de que as empresas non contraten mulleres é como dicir: «Ou deixas que abusen de ti, ou non hai traballo». Ese non é o camiño. Os home terán que asumir a perda da súa antiga seguridade, igual que as mulleres asumimos a nosa.