No meu artigo anterior comentaba a incomodidade que experimentan algunhas mulleres ao utilizar o masculino plural, que chamamos inclusivo, porque representa aos dous xéneros: «Os nenos á dereita, os adultos á esquerda». Trátase dun problema sociolóxico que dificilmente van resolver as explicacións lingüisticas, que son irrebatibles: unha lei fundamental da linguaxe é a da economía. As duplicacións os/as van en contra desa lei. Pero iso non alivia o sentimento de marxinación que poden sentir pola falta de visualización na linguaxe. No fondo séntese como unha mostra máis de desprezo ás mulleres, como unha actitude machista.
Helene Cixous estudou un sistema de dualidades que chama «pensamento binario machista» que está na base do problema. O feminino correspóndese con: pasividade, natureza, corazón, sensible, pathos. O masculino con: actividade, cultura, cabeza, inteligible, logos. Esa oposición interprétase como unha xerarquía de valores na que o feminino é a parte negativa e débil. (A jeune nèe, París, UGE, 1975. )
Iso explica por que moitas mulleres médicas prefiren que lles chamen ‘médicos’; unha amiga miña díxome que ‘médica’ lle soaba a curandeira. Anos atrás a alcaldesa era a muller do alcalde, e a capitana, a muller dun capitán. Hoxe, non. Co tempo, a linguaxe acabará aceptando o que unha parte da sociedade aínda nega ás mulleres.