Nas chamadas axudas humanitarias acostuman agocharse intervencións e inxerencias de potencias estranxeiras e dominantes que non teñen nada de humanitarias. Na memoria de todos están as recentes intervencións das que se dixo tiñan ese carácter, por exemplo o bombardeo de Serbia en 1999 ou o de Libia no 2011.
Isto é o que nos lembra Chomsky para alertarnos sobre as supostas axudas humanitarias de Trump, maiormente tendo en conta que o Partido Republicano é, para aquel, a organización máis perigosa en toda a historia da humanidade: Hitler non pretendía destruír o futuro da existencia humana, e si un partido que nega o cambio climático ou que ameaza cunha guerra nuclear. Con Trump hai máis posibilidades de que un e outra deriven en peores situacións.
O intelectual alértanos sobre algo moi importante: que se ben é certo que a economía dos EE.UU. estivo en devalo, sería un erro pensar que teña perdido dominio. Só en termos militares, manexa o 25 % da economía mundial e ten unha tecnoloxía moito máis avanzada que o resto do mundo.
Sen esquecer que as súas multinacionais son donas da metade do mundo, están integradas no Estado e dominan todos os sectores: industria, venda, comercio, finanzas. Unha alerta a súa para que non se durman os inxenuos que pensen que non poden repetir en Venezuela, cando queiran, situacións semellantes ás de Serbia ou Libia.
As reiteradas ameazas de Trump e dos seus altos cargos serán inmorais, ilegais e politicamente inaceptables, que o son, pero teñen posibilidades de realización. Todos os esforzos que se fagan para evitar eses humanitarismos sospeitosos, dende a ONU ou dende os demais estados veciños, serán poucos. ¿Poderán parar aos Trump, Bolton, Rubio, Abrams? Arrepía pensar que non.