O anel do papa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

03 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O xesto do papa Francisco impedindo con bruscos movementos que lle biquen o seu anel pastoral é insólito, e o vídeo que recolle a insistencia dos fieis en bicalo e a contundencia con que o papa o impide é realmente cómico.

Ese beixamán frustrado lembroume os meus anos de infancia en Mondoñedo, onde os nenos acudiamos correndo a bicarlle o anel ao señor bispo. Ás veces regalábanos estampas, pero a min o que máis me gustaba era poñer os beizos sobre aquela enorme pedra, que nos meus recordos é unhas veces vermella e outras morada, e que destacaba sobre a brancura da man, que era suave, moi branca e que ulía moi ben.

A unha das nenas seu pai non lle deixaba bicar o anel nin mollar os dedos para persignarse na pía que había á entrada da catedral; dicía que podía contaxiarlle algunha enfermidade. A min aquilo parecíame unha blasfemia propia dun ignorante: como ía contaxiar nada unha cousa santa, como era a auga bendita ou o anel do bispo?

O temor a contaxiar enfermidades foi a explicación que deu o Vaticano ao xesto do papa Francisco. O bispo da miña nenez, don Mariano Veiga, que padecía do corazón, facíao mellor: despois de cada bico pasaba delicadamente o puño esquerdo da súa sotana, reberetado de morado, sobre a pedra do anel e deixábaa relucente e lista para o seguinte bico. Mágoa que a boa intención do papa Francisco non acertase co xesto adecuado.