Pencha ou a forza da vida

Rosa Quintana
Rosa Quintana TRIBUNA

OPINIÓN

03 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen pasa por este mundo devagar, sen présas nin apuros de tempo. Coma se o mundo non fose con esa persoa. Sen marcar rumbo. Sen pisar forte. Pencha, ti non eras así. Eras un músculo sempre por diante do reloxo. Eras quen marcaba o tempo á vida e quen pisaba forte e deixaba pegada alá onde fose. Non coñecín a ninguén que non quedase marcado por ti. Porque eras a forza da vida, Pencha.

Ás veces tendo a pensar que toda aquela lea social da oposición contra a proposta de asentar unha central nuclear en Xove che deixou un pouso atómico. Ti eras así: atómica. Das que usaba a forza da vida para marcar ese rumbo e facer o ben.

Cando ninguén falaba aínda de termos como empoderamento ti xa nos dabas o exemplo do que significaba ese termo. Ti xa eras o empoderamento feito persoa e difundías cada día o que debía ser esa palabra. Eras o empoderamento feito vaga de mar, entrando en cada recuncho daquela Consellería de Pesca rexida por outra vaga de mar. Que sorte tivemos en Galicia de contar con esas dúas vagas de mar!

Begoña Marugán recolle no seu libro E colleron ese tren... todo o proceso de profesionalización das mariscadoras galegas. Nese tren, Pencha, ti fuches maquinista, revisora, fogueira ou todo aquilo que fose preciso facer. Pese a ir sempre elegante, nunca che caeron os aneis para traballar desde onde fose para que as mulleres do mar fosen avante. Porque ti ías sempre así: sempre avante.

E o mesmo rumbo colliches coas redeiras. Tecendo avances. Facendo nós entre elas para que o seu traballo fose visible e apreciado. Non só polos de fóra, senón moito máis polas de dentro. Porque sempre quixeches empezar por facer forza desde dentro. Querías que todas as persoas soubesen da súa forza simplemente ensinando e predicando coa túa forza de vida.

Pero nunca me explicaches como unha santiaguesa de pro, nacida a moitos quilómetros do mar, se pegou tanto ao mar. Nunca saberei por que o teu rumbo se trazou sobre o das persoas que levan sal nas súas veas. Supoño que sería a transfusión de vida feita por aquela forza do mar batendo na punta de Saíñas, ao carón de Regodela, alí onde naceu a grande reivindicación contra a nuclear. Sería a forza do Cantábrico que batía na costa de Xove quen che deu ese verniz salgado.

Do que si estou segura é de que, alá onde esteas, estarás trazando rumbos para mellorar a vida dos demais. Porque sempre viviches así: mellorando a vida dos demais. Da túa familia, das túas amizades, dos colectivos aos que chegaches.

E seguirás trazando rumbos, porque cada vez que haxa unha dúbida sobre como avanzar nas melloras desta Galicia á que tanto quixeches miraremos na túa experiencia e pensaremos que terías feito ti para marcar a liña que nos habería de levar a esa mellora.

Non che digo adeus porque nunca te irás de onda nós. Seguirás sendo unha referente. Seguirás sendo o exemplo. Seguirás sendo a forza do mar. Seguirás sendo a forza da vida.