Nais secuestradoras

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

16 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente déronse en España dous casos de nais que secuestran aos seus propios fillos. Juana Rivas negouse a entregar os nenos ao pai, e, mal asesorada, desobedeceu ordes xudiciais. Foi condenada a cinco anos de cárcere, no medio dun clamor popular, que pide un indulto para ela.

María Sevilla presentou unha denuncia contra o seu ex-marido, acusándoo de abusos sexuais ao neno, denuncia que foi desestimada por falta de probas. Fracasado ese intento, secuestrou ao fillo e mantívoo nunha casa illada, xunto a outra nena habida dunha relación posterior. Unha vez descuberta pola policía, explicou que o seu ex «era o diaño» e hai constancia de que estaba a transmitir esa idea ao seu fillo.

Esta señora, fundadora da organización Infancia Libre, compareceu en tres parlamentos (Asemblea de Madrid, Parlamento andaluz e Congreso dos Deputados) para expoñer o problema dos abusos sexuais aos nenos no ámbito familiar e escolar. Nese momento, dous grupos, Podemos e o Partido Socialista, apoiaron as súas reivindicacións.

O seu caso está a utilizarse nas redes sociais para desacreditar a organizacións feministas, e de paso aos partidos políticos que apoiaron a súa defensa da infancia. En tempo de eleccións parece que todo vale.

Os xuíces xulgarán os seus actos e decidirán sobre o equilibrio mental desa nai secuestradora, pero xa está claro que aos que están en contra da igualdade social de homes e mulleres válelles calquera caso particular para seguiren ancorados nos seus prexuízos antifeministas.