Nunha cita crucial para o futuro do país, a maioría social decantou con claridade o modelo de país que queremos. Os socialistas gañamos as eleccións e convertémonos novamente en primeira forza política, mentres a coalición das dereitas sofre un castigo que a deixa sen opcións de goberno e nun escenario de profunda crise.
Tamén en Galicia os socialistas somos a primeira forza do país. É un triunfo histórico. Por primeira vez na historia da autonomía galega, superamos ao PP en número e porcentaxe de votos, así como en número de escanos. A esquerda supera claramente á dereita en Galicia. E Feijóo pecha así o seu ciclo político, cun batacazo que amosa o derrumbamento do PP galego.
A cidadanía falou con claridade. Corresponde ao PSOE e a Pedro Sánchez gobernar e manter a liña de avances sociais acorde ao proxecto e valores do socialismo democrático. É momento, por tanto, de seguir pulando por unha España de progreso social, que avance en liberdades e dereitos, que desenvolva o Estado do benestar, que defenda o Estado das autonomías e que continúe un proceso de modernización europeísta acorde aos nosos compromisos de xustiza social e igualdade de oportunidades.
O PP, que foi partido de goberno e organización fundamental do sistema político do país retrocede a un mínimo histórico que suspende a súa viraxe reaccionaria e a súa inmadurez como forza de oposición. A ultradereita queda moi por debaixo das expectativas xeradas. Preocupante entrada contra a que combateremos argumentalmente para desfacer os seus errados e perigosos plantexamentos.
A cidadanía marca un novo tempo político. E saberemos traballar ao seu servizo.