O quiosco da esquina

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

30 may 2019 . Actualizado a las 20:31 h.

Hai dezasete anos que marchei do barrio de Gràcia e, aínda que voltei a Barcelona moitas veces, a verdade é que nunca me pasara polo meu antigo barrio. Tiña a mañá libre, quedara coa miña irmá Teté e a súa muller Jan para tomar algo, e como a miña cuñada tamén vivira unha tempada no meu piso de alugueiro decidimos quedar no barrio. Subín camiñando dende o meu hotel, cheguei á esquina de Travessera de Gràcia con Torrent de l’Olla, e entón vin o quiosco. Tardei un rato en achegarme. Mirei ao redor e non recoñecía o barrio. Xa non estaba o meu colmado, nin a tenda de conxelados, nin a panadaría. Pero si estaba o quiosco no que durante anos merquei o meu periódico diario á volta do meu paseo e da miña chamada matutina aos meus pais dende a cabina telefónica. Si, a cabina telefónica na que pasaba unha hora ao día charlando por cen pesetas tamén desapareceu.

Asomei a cabeza, e en cuestión de segundos o quiosqueiro, asombrado, dixo «Pato Verde!», e quedamos os dous mirándonos, coma pasmóns, sorrindo e sen saber que dicir. Había dezasete anos que non nos viamos, e aínda que o barrio estaba agora cheo de bancos e locais abandonados, el seguía alí, co seu quiosco, coma unha lembranza dun tempo pasado, coma unha metáfora da supervivencia.

O encontro fíxome pensar naqueles anos no que compartía piso coa Pili e coa Eli, nos que aínda podía charlar co meu pai polas mañás, e nos que as rúas de Gràcia estaban cheas de vida real. Volvín a Ourense pensando no triste que é que desaparezan os negocios para que non apareza nada, e entón decateime de que non hai tanta diferenza entre os meus dous vellos barrios, ou si: aquí, en Ourense, xa non quedan tantos quioscos.