Unha boa noticia

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando souben que a Universidade da Coruña cancelaba as xornadas sobre traballo sexual pareceume unha boa noticia. E a miña primeira intención foi felicitala. Cando algo levanta tal aluvión de críticas o sensato é pensar que algo se fixo mal e tentar remedialo. A Universidade resolveuno suprimindo as xornadas e cun comunicado, que non me parece un exemplo de actitude universitaria. Deixa claro que as suprimiu cedendo á presión: «El fuerte rechazo, el acoso y la crueldad que estamos experimentando sobre este tema en las redes sociales, la información errónea que distorsiona la realidad y los comentarios recibidos nos hacen predecir la imposibilidad de garantizar la seguridad del debate o su calidad académica».

A que debate se refire? Todos os relatores estaban a favor de considerar a prostitución un traballo. Nunhas xornadas con calidade académica, tiña que haber relatores que dixesen que a prostitución non é un traballo, é unha explotación.

Un 80 % de prostitutas sono en contra da súa vontade, e aceptar o argumento do 20 % restante do dereito a vender o seu corpo supón aceptar tamén a venda de órganos humanos. Alguén tería que dicir que regular o «traballo sexual» é como regular a escravitude ou o traballo infantil ou a tortura. Non se pode legalizar o mal. O mal combátese combatendo os explotadores, multando os clientes, como se fai en Suecia, e poñendo todas as trabas posibles aos empresarios de locais de alterne. A Facultade de Socioloxía con esas xornadas non ía debater sobre a prostitución; ía proporcionarlle un escenario digno, compartindo o seu prestixio con quen pretenden normalizar a explotación sexual. Alegrémonos de que rectificase.