Provócame verdadeiro noxo escoitar o discurso da extrema dereita diante da sentenza do Tribunal Supremo que avala por unanimidade o traslado dos restos do ditador ao cemiterio de Mingorrubio en El Pardo. Falan en VOX de profanación de tumbas e non poñen ningún reparo en dicir que esta exhumación de Franco vai contra a liberdade dunha familia para enterrar onde lle pete os seus mortos. Vaia! Daquela, por que non pensan tamén nesas persoas que buscan os ósos dos asasinados polo franquismo, ciscados por cunetas e fosas comúns? Segundo as teses iluminadas desta xente, esoutras familias estarían tamén no seu dereito a lles dar unha sepultura digna aos seus ou isto xa sería un proceso de roxos que queren reabrir as feridas da Guerra Civil? Triste, moi triste, que o franquismo aínda alente nestas mentes fanáticas con ideas simples e bastas que, malia todo, foron quen de apañar votos dabondo para se sentar no Parlamento. Estou convencido de que o seu percorrido non será moi longo porque esa mesma democracia que lles dá o dereito a entraren no hemiciclo tamén os botará, e é a mesma que decidiu a exhumación de Franco por maioría absoluta no Congreso, co apoio de Ciudadanos e, iso si, a abstención do PP, esa dereita covarde que eles din. A sentenza do Tribunal Supremo o único que fai é confirmar a fortaleza do sistema democrático que, por fin, despois de corenta e catro anos, borra a inxustiza cruel e inhumana dun ditador erguido como símbolo sobre os ósos de máis de trinta mil mortos que o seu réxime asasinou. Comprendo os nervios de moitos políticos por mor desta sentenza que se arrima á convocatoria dunhas eleccións, pero, aínda que sexa tarde, o éxito da exhumación non lle pertence a Pedro Sánchez senón á propia democracia.