É un feito constatado que moitos maltratadores foron nenos maltratados. A violencia sufrida na infancia condiciona a vida adulta da vítima ata o punto de convertelos en verdugos. O libro recentemente publicado en España A infancia dos ditadores, da xornalista francesa Véronique Chalmet, leva esa constatación á historia. Estudando a vida de dez ditadores famosos pola crueldade dos seus actos (Pol Pot, Idi Amin Dada, Stalin, Gadafi, Hitler, Franco, Mao, Mussolini, Sadam Husein e Bokassa) descubriu que foron vítimas de malos tratos -físicos ou psicolóxicos- na súa nenez, e cre que aí pode estar a causa do seu comportamento futuro.
Non todos os maltratados se converten á súa vez en maltratadores, pero é evidente que hai unha relación entre a violencia sufrida na infancia e a conduta violenta adulta. Non se sabe con exactitude o mecanismo dese proceso, pero parece que o neno aprende, por experiencia propia, que a violencia é unha forma de dominación, que inspirar terror é unha forma de conseguir poder. E pode aplicar esa experiencia se as circunstancias son propicias.
A conclusión que se deriva deses feitos é que educar sen violencia debe ser a premisa fundamental para pais e educadores. E non esquecer que o menosprezo, as palabras despectivas, a crítica constante aos seus actos, poden ser tan nocivos para a saúde mental do neno como unha malleira. E unha losqueada? Unha azouta cando se poñen intratables?. Deben ser desterrados, pero «ninguén é perfecto»... O importante é que o habitual sexa o agarimo, a comprensión e a tenrura.