Todo o mundo criticando ao presidente por poñer en cuestión a independencia da Fiscalía. De metedura de zoca cualifícano os máis benévolos, e de erro imperdoable a oposición. Pero como vai ser tan torpe! Trátase dun plan moi estudado.
A vicepresidenta adiantou que o Goberno «tomará medidas» se non extraditan a Puigdemont, e agora o presidente afirma que a Fiscalía depende do Goberno e por tanto sobreenténdese que recibe ordes. Ao día seguinte o presidente retráctase publicamente.
Está claro que se trata de ofrecer aos avogados de Puigdemont os argumentos que convencerán aos xuíces belgas de que non hai en España independencia xudicial e de que o Goberno carece de credibilidade. Así que os xuíces decidirán non extraditar a Puigdemont polo delito de rebeldía ou sedición. Como unha euroorde tampouco se pode refugar por completo, extraditarano por malversación de fondos.
Nesta ocasión, España non retirará a euroorde e Puigdemont virá a España, que é o que o Goberno quere. Unha vez aquí, daráselle toda clase de seguridades, mesmo un mozo de escuadra probará todas as comidas e bebidas do extraditado para evitar un envelenamento. Xulgarano por malversación e enseguida quedará libre. Entón proclamarase a república catalá. E, nese momento, o Goberno pecha as fronteiras, o Exército ocupa aeroportos e estacións, a Mariña toma os portos cataláns e a Garda Civil detén e encarcera a todos os líderes independentistas.
Parécelles ciencia ficción? Pois xa me dirán a que obedecen se non ás declaracións da vice e do presi...