Esforzo e triunfo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

15 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Per aspera ad astra» é unha desas locucións latinas ás que me aferro cando as cousas non van de todo ben. A idea de que despois dun camiño dificultoso unha pode chegar a algo positivo é tan utópica coma moralizante. E, por iso, cando non vexo a saída, choro un chisco, aperto os dentes e continúo. Ás veces continuar significa simplemente seguir camiñando sen mirar atrás, esperando a que, co tempo, tódalas cousas atopen o seu lugar. Outras veces continuar significa volver mirar cara ao mesmo problema, pero cunha perspectiva diferente. Como escribía T. S. Eliot no seu Little Gidding, «non deixaremos de explorar, e a fin da nosa busca será chegar a onde comezamos e coñecer o lugar por primeira vez».

 Pero continuar non sempre é doado, a nivel individual e a nivel colectivo, e non hai máis que mirar cara ás novas desta semana. Parece que nin eles nin nós fomos capaces de ver o que somos, nin fomos capaces de volver ao principio para «coñecer o lugar por primeira vez» e cuestionar tódalas verdades que nos representan. No mundo do certo e o falso, dos bos e os malos, do cheo e o baleiro, non sempre collen tódolos matices. Os centos de grises desaparecen para dar cabida ás voces máis fortes, e os extremos, que sempre se unen, acabarán enclaustrándonos nun momento histórico que xa non ten volta atrás. Esta semana abrimos a porta ao que ninguén quería recoñecer, e agora, ao velo, teremos que volver ao comezo para, polo menos, aceptar que temos un problema. Simplemente desexo que nesta nova etapa sexamos capaces de non perder os dereitos adquiridos para lograr unha sociedade inclusiva e diversa, que sexamos capaces de frear a intolerancia que se aveciña.