18 de novembro

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O18 de novembro celébrase o Día Europeo para o Uso Prudente de Antibióticos. Debería ser unha celebración gozosa do día en que Alexander Fleming descubriu a penicilina e con ela a salvación de millóns de vidas humanas. Pero está visto que os humanos dedicámonos con afán a destruír o noso hábitat, e tamén os instrumentos que algúns seres excepcionais proporcionáronos para sobrevivir.

O uso indiscriminado dos antibióticos está a levar á destrución da súa eficacia, como se viu nas infeccións producidas polo estaphilococus aureus, a bacteria máis perigosa de todos os estafilococus. Cando os antibióticos xeneralizáronse na práctica clínica, a penicilina destruía case a totalidade das cepas desa bacteria; hoxe só consegue destruír entre un 5 % e un 10 % . As bacterias fixéronse resistentes e, aínda que os antibióticos evolucionaron para combatelas, a resistencia aumenta a un ritmo máis rápido e hoxe provoca 2.400 mortes ao ano. Se non se resolve o problema os mortos serán 40.000 no ano 2050.

Esa resistencia provén dun mal uso de antibióticos para curar enfermidades víricas como a gripe, e do abuso na gandería, onde se usaron na dieta dos animais para favorecer o incremento de peso; e na agricultura como profiláticos, e na vertedura ao medio ambiente a través de augas residuais …

Que podemos facer os cidadáns, á parte de resignarnos a morrer de pneumonía? Non automedicarnos… nin medicar ao noso querido can cos antibióticos que nos sobraron. E para iso o mellor é que na farmacia non se vendan antibióticos sen receita e que os envases conteñan o número xusto de comprimidos que debemos tomar. Contribuamos así a que os nosos netos poidan gozar do descubrimento de Fleming.