Toda unha aposta

OPINIÓN

18 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro Sánchez, despois de ter conseguido o que parecía imposible (duplicar a ultradereita, unha certa remontada da dereita, un crecente pulo independentista no Congreso, perder a maioría absoluta no Senado e dez escanos no Congreso (PSOE e UP), e conseguir o cabreo xeral do electorado, acorda, esperta do seu sono, e pacta con UP.

Non hai ben que por mal non veña: decatouse de que o ascenso da extrema dereita non o deixaría durmir. Pode que, entre outras, sexa esta a razón que o moveu a aceptar agora o que onte rexeitou. Porque, ao meu ver, entre as moitas dificultades que vai ter e que son evidentes (pensións, crise económica, paro e pobreza crecente, crise catalá...), no día a día vai ter que lidar con esa opción política que unha dereita irresponsable normalizou, branqueou e alentou.

Que todo se teña posto tan difícil é xusto motivo para encaralo e encamiñalo. Agora si que a conxuntura do país esixe cintura política, visión a longo prazo, capacidade de diálogo e de pacto. Nin Iglesias nin Sánchez o demostraron deica agora. Pero en diante, ao menos, teñen aberta esa posibilidade.

Non podemos facer causa cos que agoiran a fin de mundo. De momento, nada agoira o seu fin. Pero unha cousa é que teñamos certa esperanza e outra que renunciemos á crítica. Porque todo o país estará á espreita, desexoso de ver que algo se move e que algunhas posibilidades se abren para que a normalización dese país sexa unha realidade.

As dificultades, evidentes, non son escusas de xustificación en ningún caso. Confiados en que a experiencia só se consegue experimentando, teñamos a mínima cortesía de, una vez que teñamos Goberno, agardar os cen días para ver se algo cambia e para ben. Os agoireiros, por agora, mellor sería que gardaran os seus laios. Confiemos.