Poñíase paternalista o presidente da Xunta no pasado pleno do Parlamento, afirmando que ninguén lle ía dar leccións de como protexer «ás nosas fillas, ás nosas mulleres e ás nosas nais». Afirmación desafortunada, obviamente.
Non é só que as mulleres non teñamos dono. É que aspiramos a ser donas das nosas propias vidas. Digo que aspiramos, porque a violencia estrutural que supón ser pobres entre os pobres é unha lousa que pesa sobre o dereito das mulleres a unha vida plena e con independencia económica.
A contratación a tempo parcial de féminas representa xa o 60 % de todos o contratos dese tipo asinados no que vai de ano, segundo os datos do Servizo Público de Emprego. No 2018, o 77 % dos empregos a tempo parcial en Galicia tiñan nome de muller segundo a enquisa de poboación activa (EPA). As mulleres que manteñen esta modalidade de traballo o fan nun 57 % por non atopar emprego a tempo completo e o 18 % por asumir as cargas familiares. Isto é, o 75 % das mulleres que traballan a tempo parcial o fan porque o sistema non lle da máis opción.
A radiografía global do emprego feminino en Galicia debúxase cun 24,8 % de emprego a tempo parcial do total e un 27,3 % de temporalidade. De feito, só o 40 % das afiliadas á Seguridade Social teñen un emprego indefinido a tempo completo, o que supón que o 60 % sofre algún tipo de precariedade.
Ademais hai que lembrar que as persoas que causan inactividade laboral por coidado de menores e persoas dependentes son nun 87 % mulleres. Seguimos sendo nós as que maioritariamente continuamos asumindo as tarefas de coidados. E o facemos nun sistema que non pon medios suficientes para socializar ese traballo. Non en van, a finais do pasado ano había máis de 80.000 solicitudes ao sistema de atención á dependencia en Galicia. Con este panorama, sen abordar o paro e a precariedade das mulleres e a insuficiencia de dispositivos sociais públicos para as tarefas de coidados (escolas infantís gratuítas, centros de día de maiores...), falar dunha futura Lei de Impulso Demográfico de Galicia semella esconder o po debaixo da alfombra.
Igual, en vez de poñer tanto lazo morado e tanta camiseta rosa, en vez de falar das súas mulleres, as súas nais e as súas fillas, o Goberno galego debería tomar medidas que combatan a fenda salarial, o teito de cristal e a incapacidade de moitas mulleres para poder ter liberdade económica.
Asumir que as solucións á desigualdade son políticas. E que esas solucións non veñen da man do paternalismo, senón de medidas reais que nos igualen coma cidadás aos nosos compañeiros.