Metonimia: a parte polo todo

María Mosquera Castro DIRECTORA DO IES DAVID BUJÁN E VOCAL DE ADDIGA POLA CORUÑA

OPINIÓN

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non podemos abordar un tema como o da escola concertada sen unha perspectiva histórica que nos leva ao século XIX , cando Moyano, ministro de Educación, en 1857, nun intento de alfabetización da poboación debido ás malas condicións das escolas públicas do momento, recorre ao apoio da Igrexa católica para poñer en marcha o seu proxecto. Pero quizais non debamos remontarnos tanto, xa que a escola concertada, tal como hoxe a coñecemos data de 1985, cando, baixo o goberno de Felipe González implántase a LODE e la escolarización obrigatoria como un dereito e un deber das familias. Unha vez máis, debido á necesidade de unha escolarización masiva, bótase man de colexios que xa estaban a funcionar, tamén na súa meirande parte de distintas ordes relixiosas, para poñer en marcha o seu proxecto, e racionalizar as subvencións que recibían estes colexios. Desde este momento en España a escola concertada convive coa pública, aínda que non nas mesmas condicións.

Cada certo tempo, coincidindo cos cambios de goberno, rexurde o tema da conveniencia ou non da ensinanza concertada e dos acordos que este ten con ditas institucións. E agora, con un aínda «non goberno» estamos outra vez ante a mesma controversia debido a un comentario da Ministra de Educación en funcións. O debate reábrese e a concertada treme. Podemos preguntarnos se este debate nos leva a algures ou vai acabar unha vez máis nunha rúa cega.

Non entendo o porqué do momento, sobre todo despois do debate previo ás últimas eleccións xerais no que ningún dos líderes dos partidos políticos non lle adicou nin unha palabra ao tema da educación. É realmente un tema prioritario para os nosos «próceres»?. Penso que non: o tema do futuro do ensino en España só se tratou (e tampouco moito) no debate das mulleres (ningunha cabeza de partido), mostrando así a evidencia de que neste país a ensinanza segue sendo un tema de segunda orde e que seguimos sendo as nais (parece ser que dedicarte á política non te exime) as que nos ocupamos maioritariamente da educación dos nosos fillos.

Estamos entón unha vez máis ante un debate estéril? Se se trata de debater o cumprimento da lei por parte dos colexios concertados, penso que o debate non ten cabida: o goberno debe velar por que así sexa. Pero tendo en conta que dende este mes de setembro se nos esixe a todos os centros desenvolver un plan de igualdade entre mulleres e homes, dubido moito que algúns destes colexios poidan levalo a termo, dada a segregación por sexos que separa a nenos e nenas e que impediría a total integración e convivencia en igualdade que este plan esixe. Se se trata de debater as condicións nas que se establecen os acordos co ensino concertado, entón quizais debamos ampliar miras e plantexalo como un tema que require unha reflexión dentro dun marco máis amplo, dentro dese pacto educativo que se está a converter en utópico e ucrónico.