Se a envexa fose tiña...

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

SUSANA VERA | Reuters

11 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa coñecen a segunda parte: cantos tiñosos habería! E que boa cousa sería velos co seu verdadeiro rostro de tiñosos. Isto vén a conta das recentes declaracións do alcalde de Manacor, de Més-Esquerra, contra Rafa Nadal: acúsao de recibir un trato de favor para construír a súa academia e para atracar o seu barco no porto. A min paréceme que as súas palabras van na mesma dirección que as de Pablo Iglesias chamando «señorito» a Amancio Ortega por doar diñeiro para comprar aparellos que mellorarán a saúde dos enfermos de cancro. Declaracións que van sen dúbida dirixidas a eses tiñosos que hai en todas partes, que gozan tirando cara abaixo do que destaca.

O seu argumento é que son uns «privilexiados», que sacan beneficios das súas doazóns mediante as desgravacións de Facenda. O que non din é que ese beneficio non compensa nunca economicamente o que se doou. Para eles o importante é que se paguen integramente os impostos e que ese diñeiro vaia ás Administracións das comunidades, que os distribuirán ao seu gusto. Por exemplo, como se fixo en Andalucía cos ERE.

O que doa ten dereito a escoller a quen dá e para que dá o seu diñeiro. E a recibir algunha compensación, ou polo menos un agradecemento. Eu dou unha pequena cantidade a varias ONG, que me envían á súa vez un recibo para que o incorpore á miña declaración de Facenda. E unha delas envioume un tarxetón onde consta que me nomean «Cuarto rei mago». Eu colócoo xunto aos agasallos de Reis para que os meus netos o vexan. Pois sumen á miseria que eu dou os millóns que Nadal e Amancio Ortega dan cada ano a proxectos solidarios, e saquen conclusións.