O pin da rúa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

27 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrei no local para comprar unha empanadilla arxentina e tomala á hora de xantar, pero picoume a curiosidade ao oír do que falaban un grupo de mulleres e decidín tomala alí. Senteime nunha mesa á súa beira para oír o que dicían:

-Como vai ser certo, muller! A ti os nenos dixéronche algo? Non? Pois é falso.

-Os nenos nunca din nada. Péganlles no cole e nin llo din á seño para non quedar de acusicas. Debían averigüar o que pasa. Lémbrame o do bulling. Haino e négano.

-Dixeron que os adoutrinan e que lles ensinan xogos eróticos. Iso é grave.

-E ti créelo? Iso dino os de Vox para chamar a atención e sumar votos dos carcas.

-Se é mentira deberían denuncialos, por difamación.

-Se non os denuncian por algo será…

-E o PSOE dicindo que os fillos non son dos país! Non sei quen é peor.

-E que me dicides da «penetración anal aos homes»…

-Pois, mira, se é aos violadores, a min paréceme ben; e que sexa cun pau dobrado.

-Que non é iso, muller! Que é para evitar que sexa o home o que domina, o que penetra sempre.

-Ai que c…! E como vai ser se non? Eles teñen o que teñen, e nós o noso; é o natural.

-Pois eu oín que o do pin, no fondo, é un ataque ao ensino público.

-Tamén din que o PP di o que di polas súas alianzas de goberno con Vox.

-Eu oín que é unha falsa polémica, para evitar que se fale da ministra que lle chamou maricón a Marlaska e agora vai de fiscala xeral, e de todo esa lea de Cataluña.

-E se non todo é mentira? Preocúpanme os nenos.

-Veña, tía, déixao xa… Ala, vamos, que se fai tarde.

A empanadilla arxentina deume dor de estómago… Ou quizá non foi a empanadilla.