Abellas en fundo alleo

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

POOL

22 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Últimamente estamos asistindo a situacións de excepcionalidade xurídica sen precedentes, que os xuristas estudaron durante a licenciatura pero que nunca esperaron vivir: o estado de alarma; a aplicación do 155 da Constitución; o Tribunal Supremo axuizando delitos de rebelión e sedición; ou a abdicación do rei. Só falta que un enxame de abellas entre en fundo alleo». Entre a multitude de mensaxes que todos recibimos estes días, este, que me mandou un bo amigo, é dos mellores.

Porque, efectivamente, non hai mellor momento ca unha situación crítica, como a que vivimos coa actual pandemia, para redescubrir a importancia diso que chamamos Estado social e democrático de Dereito, que ademais das leis comprende os principios xerais que as informan e interpretan. Das leis ordinarias: non hai máis que ver o entusiasmo co que algúns e algunhas defenden os Expedientes de Regulación Temporal do Emprego, figura introducida na reforma laboral que levaban anos pedindo derrogar. Pero sobre todo e fundamentalmente da Constitución, que regula con precisión as competencias e os tempos para a declaración dos estados de emerxencia, delimitando as capacidades dos poderes Executivo (que toma a iniciativa de condicionar ou suspender os dereitos fundamentais ou asumir competencias atribuídas aos distintos niveis de goberno); Lexislativo (que autoriza, controla e pode modificar as decisións do Goberno); e Xudicial (que mantén o control xurisdicional de todas as decisións aprobadas polos gobernos durante a duración da excepcionalidade). Unhas limitacións parlamentarias e xurisdicionais ao goberno moi apropiadas se atendemos a experiencias históricas non tan lonxanas, como a do fin da República de Weimar. Porque nos protexen contra a tese daquel eminente xurista da época, tan presente hoxe nas contornas populistas, que afirmaba que «quen domine o estado de excepción domina con iso ao Estado, porque decide cando debe existir ese estado e que é o que a situación das cousas esixe».

Na súa Una lección olvidada. Viajes por la Historia de Europa, Guillermo Altares lembra o enorme impacto que o gran terremoto de Lisboa de 1755 tivo nunha sociedade, a europea, pola que xa circulaban as novas a unha velocidade abraiante: en horas os xornais publicaban informacións e imaxes de gravados feitos no lugar, provocando un debate continental no que participaron Rousseau, Kant, Goethe ou o Voltaire do Cándido. O terremoto provocou un debate que propiciou a fin dun mundo, absolutista e teocrático; e a aparición doutro baseado na razón: nunca máis se queimarían persoas, en auto de fe, como se fixo entón na Universidade de Coimbra; pero abriuse outro no que o soño da razón produciu monstros peores que a Inquisición.

A pandemia e as medidas excepcionais chegan nun momento no que o debate intelectual xiraba ao redor da capacidade da democracia de resistir os embates de ideas autoritarias de baixa intensidade, na contorna da involución dos sistemas políticos democráticos cara democracias parciais, liberais, ou guiadas. Superaremos a crise sanitaria. E máis ben antes que despois, se Europa se pon as pilas, as consecuencias económicas da pandemia. Pero só actuando coa mesma responsabilidade, respectando a Lei democrática e os seus principios, superaremos tamén o risco do «lexislador extraordinario» schmittiano. Afortunadamente, a Constitución que algúns están redescubrindo ten mecanismos que prevén, como o noso decimonónico Código Civil, que pasa cando as abellas entran en fundo alleo.