A crise no espello

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

Eliseo Trigo

19 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tempo de crise, tempo de tópicos. É dicir, de expresións triviais e moi empregadas. Ou, a dicir de Benítez Reyes, de filosofía, socioloxía ou antropoloxía de garrafón. Como a de que «a pandemia está a sacar o mellor e o peor das persoas»; cando, máis probablemente, o que a crise está a facer e proxectarnos, coma nun espello, o que realmente é cada quen; a amosarnos a verdadeira esencia de cada un. Porque, máis ou menos, todos seguimos sendo e actuando como éramos e actuábamos; só que agora, que a crise nos fai estar alerta, resultan máis evidentes as formas de ser individual e colectivas. Xa sabiamos que o persoal sanitario, e todos os demais profesionais que facilitan a prestación de servizos médicos, sempre estiveron aí cando os necesitamos, e grazas a eles moitos fumos atendidos con agarimo e excelencia cando o precisamos. E sempre soupemos, aínda que algún recoñeceu telo descuberto hai ben pouco, que as Forzas Armadas estaban aí para auxiliar á poboación aqueixada polas consecuencias de calquera desastre natural. Só que agora, no espello da crise, vémolo claramente.

Acrise non saca o mellor ou o peor dos responsables públicos: simplemente devólvenos, cal espello, a imaxe do que xa eran, e do que seguen sendo. Cando Boris Johnson se somete aos designios do darwinismo epidémico, no fondo non está actuando de forma diferente a como fixera co brexit, deixándose levar por esa fascinante atracción británica polos «fracasos heróicos» que tan ben describe o xornalista irlandés Fintan O’Toole. Cando Trump lle bota a culpa aos chineses ou desautoriza aos gobernadores que pretenden protexer ás súas poboacións; volve manifestar a mesma esencia que lle levaba a facer discursos xenófobos contra os inmigrantes e o mesianismo no que fundamenta o seu liderado.

Cando un avalía que sequera se plantexe a posibilidade de «prohibir a difusión de bulos e informacións enganosas (coma se fosen o mesmo) polas redes e os medios de comunicación social (coma se tamén fosen o mesmo) remitindo toda a información sobre a pandemia a fontes oficiais», e o contrapón ao mantemento «da liberdade total para a difusión de noticias e informacións» (coma se esta existise nun ordenamento que sanciona as calumnias e as inxurias; defende o dereito á honra; e regula o dereito ao acceso á información veraz); non está sacando o peor de si mesmo, senón que está manifestando o que realmente pensa sobre a liberdade de información en calquera momento. Como cando algúns propoñen un Goberno con catro ministros (un máis que os tres do triunvirato, e un menos que os cinco do Directorio): só reflicten no espello as súas previas arelas de que a democracia camiñe cara ao Cesarismo ou ao Consulado. Ou como cando outros ven na independencia un mecanismo para frear un virus que non coñece fronteiras. Afortunadamente tamén cando o que goberna leva tempo facendo da eficiencia e da boa xestión a súa bandeira, o espello da crise nos devolve a imaxe dunha mellor xestión e unha resposta máis eficiente ante o avance da pandemia. Benítez Reyes advírtenos de que os espellos son artefactos defectuosos. Non só porque reflicten imaxes invertidas, que tamén, senón e sobre todo, porque se deterioran ao mesmo ritmo que os seus posuidores: «cada engurra que nos sae, tamén lle sae ao noso espello». O espello da crise nos amosa unha inmensa maioría de persoas que actúan con rigor, compromiso e responsabilidade. Pero tamén as engurras que algúns, por moita maquillaxe que lle botasen, xa lucían antes de todo isto.