Letras infectadas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai figuras que nacen cunha estrela na fronte e outras cun tiro, coma Ricardo Carballo Calero, un deses autores axustizados desde o inicio da súa andaina intelectual. A súa vida e a súa morte foron unha carreira de obstáculos destinada a sepultar o seu legado. Pero non nos enganemos: nada do que viviu despois do seu ingreso como profesor na universidade é comparábel á dura represión que viviu na ditadura para que non puidese desenvolver unha actividade intelectual perigosísima para aquel réxime vingativo que, no fondo, sabía da súa febleza moral e legal. Aínda así, el estivo aí sempre. A carón de Galaxia cando había que estalo, na elaboración da norma oficial do galego cando se lle pediu, no proceso de construción dos estudos galegos no momento xusto, formando ademais a toda unha xeración de activistas da lingua e a literatura sen quen hoxe moitas non seriamos nada. Non sei de motivos máis nobres para celebrar nas Letras Galegas e reflexionar sobre os debates que el mesmo abriu. Sei que vostedes pensan na cuestión normativa, mais xusto ese é un debate estéril. Coido máis interesante a súa reivindicación dunha crítica literaria non condescendente, ou a súa posta en valor das estéticas que fuxían dunha imaxe ruralista e atrasada de Galicia que hoxe perdura, mesmo entre quen se senten herdeiros e herdeiras súas.

Pero si, hai figuras tristemente represaliadas e manipuladas. Carballo Calero é unha delas. E eu, que sei desas leas e as súas orixes, tamén penso no simple malfadado, sobre todo hoxe. E logo que é esta pandemia que volve furtarlle a atención ao seu legado? As Letras Galegas en tempos de coronavirus non logran ser gran cousa, e Carballo Calero merece saír do confinamento.