Escudo para menores

OPINIÓN

Marta Fernández Jara - Europa Pr

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os puntos que incorpora a Lei de Protección á Infancia que acaba de aprobar o Consello de Ministros amplíase o prazo de prescrición dos delitos graves cometidos contra as persoas menores de idade, xorden novos tipos relacionados cos medios tecnolóxicos e de comunicación, endurécense as condicións para ao acceso ao terceiro grado dos condenados por atentar contra a liberdade sexual das persoas menores de 16 anos ou mesmo se lle tira a patria potestade aos homicidas ou asasinos cando tivesen coa vítima un fillo en común.

Podemos entender que son todos puntos nos que será doado atopar o consenso cando pase o seu trámite parlamentario obrigado.

O que xa non sei se será tan unánime é a aceptación dunha nova tipoloxía que introduce o deber de comunicarmos calquera caso de violencia sobre nenos e adolescentes aínda que non sexa constitutiva de delito.

O espectro que abrangue esa redacción pode ser moi amplo e talvez precise máis concreción, pero, do mesmo xeito que vimos nos últimos tempos unha muda na conciencia para defendermos solidariamente persoas que están a ser vítimas de violencia machista, pode pasar o mesmo no caso da violencia contra os menores.

Esta lei dalgún xeito tamén nos volve á infancia e nos fai tocar a voz daqueles abusóns que, cargados de ira, gustaban de nos poñer alcumes, roubarnos bólas, escacharnos un ovo na cabeza, pincharnos o balón ou agredirnos fisicamente. Era o normal porque daquela, en moitas casas e colexios, a denuncia era interpretada coma un síntoma de debilidade e covardía, sobre todo por parte dalgúns pais e profesores, que educaban na lei do máis forte.

Agardemos que esta nova lei axude a concienciarnos para denunciar calquera tipo de violencia sobre os menores porque así acadaremos marxinar eses abusóns que, as máis das veces, adoitan rematar na delincuencia.