Con máis forza a favor de Galiza

OPINIÓN

Carlos Castro

13 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quero trasladar o meu recoñecemento ao pobo galego pola súa implicación cívica e democrática á hora de exercer o seu dereito ao voto nunhas circunstancias complexas e, igualmente, quero agradecer a participación de todas as persoas que fixeron posible esta xornada nunhas circunstancias complexas. E, moi especialmente, transmitir unhas palabras de afecto a toda a veciñanza da Mariña.

E por suposto quero agradecer o apoio de todos os galegos e galegas que confiaron no BNG, cada unha desas papeletas é unha razón poderosa para seguir loitando, é unha razón máis para ter esperanza e para construír unha Galiza con futuro.

O resultado, aínda que moi importante, non foi suficiente para poñer en marcha o cambio galego, pero temos motivos para a esperanza sabendo que é un gran avance para construír a Galiza que soñamos. Non oculto que aspirábamos a máis, ao igual que miles de galegos e galegas, pero saímos con máis forza que nunca para traballar a favor deste país, para sacar adiante unha nova Galiza, na que vivir, na que traballar, con benestar social. Unha Galiza con futuro.

Detrás deste resultado está o amor a Galiza e está un traballo colectivo inmenso. Pero tamén está a ilusión e a esperanza de miles de persoas que, sendo ou non nacionalistas, confiaron no BNG, e quero facer unha mención especial a mocidade rebelde e inconformista, que quere mudar o mundo para mellor. Teñen o meu compromiso de que seguirei traballando por darlles o futuro que se merecen.

Estamos nun momento excepcional cunha pandemia que deixa unha crise sanitaria, social e económica sen precedentes e iso require altura de miras, require de política con maiúsculas, porque o importante non é o resultado do BNG nin de ningún partido. O importante é a xente deste país, as súas vidas. E esa será a prioridade do BNG, traballar para que sacar o país adiante, traballar para erguer este país e para iso a nosa man tendida e toda a nosa colaboración para levantar Galiza e darlle un futuro mellor a este pobo.