Directivos

OPINIÓN

No disponible

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño algúns amigos docentes, xa xubilados, que agora suspiran aliviados ao se veren fóra do sistema nun momento tan complexo que vén co engadido da pandemia. A característica común neles é que nunca quixeron ocupar ningún cargo directivo nos centros de destino. A súa ambición quedaba nas aulas. Iso si, nunca protestaron por un mal horario ou calquera outra decisión tomada por quen os dirixía. O que alguén puidese ver como falta de compromiso, eles víano coma un acto de responsabilidade ao rexeitaren un posto para o que non se sentían aptos. Eles tampouco comparten a idea de que todo o profesorado debería pasar algunha vez por un destes cargos porque así desaparecerían eses criticóns que, fagas o que fagas, sempre están aí para poñeren o seu pero. Concordo con isto, porque, coma en todos os gremios, hai xente que mellor non mova un papel. E, malia os cursos que poida impartir a consellería, non se estuda para ser directora ou xefe de estudos e fáiseme raro que alguén soñe con iso. E, sen ter os datos, sospeito que unha boa parte está aí por presións da inspección educativa, pero tamén haberá quen estea por intereses persoais. Non quero nin imaxinar o que deben de estar toleando todos con tantos requisitos protocolarios. Eles saben que con máis profesorado e a diminución de ratio de alumnado a cousa sería máis doada, pero a conselleira dixo ben claro que hai que ser operativos e non pode haber clases de 15, como propuña a ministra Celaá. Pois ben, tal como van as cousas antes de comezar as clases, non lles arrendo a ganancia, e prometo que, coma os meus amigos xubilados, non vou criticar especialmente a quen están aí por obriga e se ven de súpeto cunha responsabilidade que non é súa senón de quen non fixo os deberes durante todos estes meses.