Vacina contra as incertezas

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

MARTINA MISER

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxínense un mundo no que cada vez que dous condutores se cruzan nunha estrada non souberan se o que vén de fronte elixe circular pola dereita ou pola esquerda. Para evitar o caos que se produciría, temos a norma de ir pola dereita. Segue habendo accidentes, aínda que nin todos nin sempre respectamos ás normas. Pero sen elas, as incertezas sobre os comportamentos dos demais farían a vida imposible. Cando chegou a pandemia recorreuse, acertadamente, á lexislación de excepción: a declaración do estado de alarma permitiu, de acordo co previsto na Constitución, centralizar o mando para restrinxir o exercicio dos dereitos fundamentais e minimizar os contaxios. Pero axiña soubemos que a situación epidemiolóxica ía prolongarse durante moito tempo: os epidemiólogos sinalaron que non menos de 18 ou 24 meses.

Os estados de excepción, mesmo na súa forma máis suave que é o estado de alarma, alteran os equilibrios entre os poderes públicos democráticos e o exercicio dos dereitos fundamentais. Por iso, e polas reminiscencias históricas que a súa invocación suscita, a Constitución prevé que a súa duración sexa determinada no tempo, breve, e autorizada polo Congreso. E tamén por iso, a declaración do estado de alarma debería ser o máis consensuada posible; algo que non caracterizou as declaracións feitas entre marzo e xuño, nas que nin sequera se informou ao principal partido da oposición do contido dos decretos.

Dadas as certezas sobre a longa duración da pandemia, xa en maio, e antes da aprobación da cuarta prórroga, o presidente da Xunta propuxo modificar a Lei Orgánica de medidas especiais de saúde pública, de 1986, para dotar ás comunidades autónomas de instrumentos xurídicos que permitisen, motivada e prudentemente, regular o exercicio dos dereitos das persoas (á mobilidade, á actividade) para reducir os contaxios adaptándose á situación epidemiolóxica de cada momento e cada lugar. A idea foi inicial e publicamente aceptada polo presidente do Goberno, entre outras cousas para xustificar a aparentemente derradeira prórroga do estado de alarma. E a suxestión de Sánchez, Feijoo chegou a remitirlle unha proposta de reforma da Lei do 86 a primeiros deste mes.

O tempo foi avanzando, como a pandemia. Levantada a alarma, a revisión polos xuíces das limitacións aprobadas polas comunidades trouxo máis incertezas: medidas similares foron rexeitadas dependendo do tribunal ordinario de garda; e o mesmo pasou cando se atribuíu esa competencia aos tribunais superiores de xustiza. Porque como algún destes ten sentenciado, é precisa unha cobertura legal que non existe; como a que propuxo Feijoo. Entre o estado de alarma e a restrición de dereitos a través dunha orde ministerial, hai un termo medio, previsto na Constitución: a lexislación orgánica. A favor desa reforma se pronunciou o Parlamento de Galicia o pasado mércores, en vésperas dunha nova declaración do estado de alarma. Coa chamativa abstención dos nacionalistas, que parecen sentirse máis cómodos dependendo da declaración dun invasivo estado de alarma polo Goberno de España que cunha lei que permita a regulación autonómica da loita contra o virus. Cunha lei orgánica, que sería a mellor vacina contra as incertezas sobre quen e como actuar contra esta maldita e longa pandemia.