Nestes días, mentres tomaba un café, escoitaba con paciencia as conversas exaltadas doutras mesas para poñer a pan pedir a eses universitarios que seica seguían a gastar a mocidade matándose de vicios, sen lles importar coller o covid e contaxiárllelo aos seus avós. As palabras viñan empurradas polas imaxes dalgún vídeo que recollía a infracción. E si, seguramente houbo botellóns e festas clandestinas en pisos das nosas cidades universitarias nos que non se respectaron as medidas de seguridade. Pero de aí a caermos no discurso de culpar por enteiro a mocidade no espallamento do virus debería haber un bo treito. O lecer duns cantos non se pode tomar como norma para formarmos unha xeneralización que o único que fai é tapar outras culpas que teñen máis que ver con nós, os adultos, e con quen nos goberna, que con esa mocidade que, na meirande parte dos casos, é consciente do perigo. Non teño a certeza, pero si a sensación, de que o alumnado tanto universitario como de primaria e secundaria está más protexido nos centros que fóra deles, malia a falta de planificación por parte da Xunta e do Goberno central. Digo todo isto porque veño de coñecer o informe da universidade compostelá sobre o cribado que se fixo ao 62 % da comunidade universitaria. A incidencia de casos resultou ser mínima, apenas un 0,82 % de positivos, e nunca con contaxio dentro das instalacións universitarias, algo que vén certificar que este colectivo de estudantes está lonxe de ser a única causa da medra da crise sanitaria na cidade. Desconfío máis desoutros mozos que, sen máscara, se botan ás rúas cuspindo a palabra liberdade coma se fosen pedras. E non lles busquemos ideoloxía porque eles, e os que os alentan, só son un colectivo de idiotas.