Hai moito tempo, cando o capitán Trueno aínda era cabo, un home ao que non lle deixaban abrir o bar por problemas administrativos petaba unha e outra vez na porta do alcalde, que tamén era farmacéutico, e nunca o recibía. Lembrei isto a raíz das diferentes manifestacións que estamos a ver nos últimos días por parte de diferentes sectores económicos, en especial da hostalería, que demanda das administracións plans de rescate, axudas a fondo perdido para as empresas que presenten perdas, prórrogas dos ERTE ou exoneración total do pagamento de cotas ás empresas que non poidan abrir por falta de actividade. A lista de esixencias son moitas, máis e un ve que moitos dos nosos bares pechan, agardemos que interinamente, porque non lles compensa abrir con tanta restrición. Con todo, nesa reclamación unánime dirixida aos diferentes gobernos hai un fondo de desesperación que todos, e máis quen nos dirixe, deberiamos comprender e intentar tamén non sinalalos coma culpables da propagación do virus, porque, aínda que hai malos exemplos, a meirande parte dos negocios cumpren coas medidas requiridas. O cansazo é a cada volta maior e, se non se lle pon remedio axiña, a crise que se albisca talvez teña consecuencias dramáticas.
Anima un pouco o horizonte de que as vacinas están á volta da esquina. Pero a paciencia ten un límite e talvez acabe coma o caso do home do que falaba ao principio que, farto de non ser atendido polo alcalde, presentouse na farmacia. E cando reclamaba o seu, o alcalde apuxo con soberbia que alí non era rexedor senón farmacéutico, algo que ao home non lle impediu atopar as palabras precisas para a súa desesperación: «Pois, don Manuel, dígalle ao desgraciado do alcalde que, se non me atende axiña, rompereille a crisma».