Que supuxo para Compostela a inclusión na lista do patrimonio mundial? Foi como un talismán. O expediente de declaración recollía intencionadamente a ampliación do ámbito protector e albiscaba xa os camiños como bens patrimoniais. A partir de aí, Santiago emprendeu o difícil equilibrio de combinar o pasado coa vangarda.
Estamos nun 35 aniversario algo triste, que abre un tempo de reflexión. Patrimonio soa a veneración, como un cofre dos tesouros ou unha vitrina museal, cando non un sudario que embalsama o obxecto e impide o seu envellecemento. Evoca tamén unha idea de protección con plans directores, catálogos e declaracións de BIC. Pero ten que ser máis: un lugar da consciencia respecto a ese acervo de pedras e obxectos memorables, que se traduza nunha conciencia común para pasar da defensa á acción patrimonializadora, mediante unha cultura educativa ou unha pedagoxía cultural.
Patrimonializar non é un verbo pasivo, nin compasivo. É algo incómodo, que obriga a manter unha atención permanente nese interregno que se move entre o tempo do pasado e a ideación do porvir. Cada vez que se restaura ou se rehabilita estamos patrimonializando, pero tamén o facemos cando introducimos a arquitectura contemporánea, creando un contorno de calidade.
Non son amigo da exaltación insistente do pasado, pero compartín co alcalde Xosé Sánchez Bugallo o itinerario que arranca alá por 1983, cando defendiamos, ao principio máis ben en solitario, a revitalización do Camiño de Santiago. Despois chegou o momento crucial do planeamento, descentralizando a cidade cunha arteria que enlazara o vello e o novo, liberando grandes masas naturais e situando nos bordes urbanos novos equipamentos que iluminasen os barrios. E ao tempo, o afán pola cidade histórica cun plan especial que atendía tanto a súa fisionomía como os seus órganos internos, morfoloxía, materiais, usos e habitantes.
Nada disto tería sido posible sen un diálogo institucional exemplar arredor do Real Patronato de Santiago co seu brazo executivo, o Consorcio, fábrica de ideas e consensos que deu froitos tan memorables como o programa municipal Compostela 93-99 ou a Cidade Europea da Cultura no 2000.
Se nolo propoñemos agora, volverá brillar a Compostela de Galicia, liberada de excesos na explotación dos seus atractivos, comedida no uso dos seus recursos, culta e cosmopolita como demanda a súa historia e o seu prestixio mundial.