Soas e tranquilas, sen dramas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Pepa Losada

22 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

E ademais contentas, dentro do que a pandemia permite. Así pasaremos estas festas algunhas nais e avoas, e tamén algúns pais e avós.

 

Díxenllo aos meus fillos hai un mes: eu quédome na casa e vós nas vosas. Pareceulles esaxerado, pero a evolución da pandemia deume a razón. As recomendacións de Sanidade para as comidas familiares son poñerse a máscara entre prato e prato, e que non senten enfronte os non conviventes e manter entreabertas dúas xanelas durante toda a reunión. Imaxínanse a corrente de aire en Madrid, Burgos ou Lugo?

O verán pasado, os meus fillos viñeron pasar comigo uns días, para non romper a tradición de veranear xuntos. Fixéronse tests, tamén os meus netiños de dez anos, que me ensinaban o dedo onde os picaran: «Saía sangue», dicían. Con todo, os meus fillos pasáronse a semana dicíndolles : «Non vos botedes encima da avoa». Foi un xesto de agarimo cara a min. Agora é o meu cara a eles: Non quero que se pasen as festas coa máscara á beira do prato e cun coitelo de aire xeado cruzando a habitación. E non quero que pensen nunha anciá triste. Non estarei así, nin eu, nin tantas mulleres (e algúns homes ) que estarán sen compañía.

As avoas pertencemos a unha xeración de postguerra, afeita a bregar e a saír adiante. Somos as avoas/avos que se fan cargo dos netos cando os pais traballan, e que comparten a súa pensión cando a necesitan. Somos mulleres traballadoras, independentes, cunha vida propia. E pasaremos soas estas festas coa satisfacción de estar a facilitar a vida aos nosos fillos. Xa virán mellores tempos, que diaños! Bo nadal, Feliz 2021!