Ganchos, tacos e femias

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

25 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Para colgar ben un cadro, ou calquera outro obxecto pesado, fai falla un taco do número exacto do gancho que inserimos na parede, e soportalo na femia do marco. Ninguén repara cando visita unha vivenda amoblada nos humildes tacos que soportan o peso de cadros e espellos, máis alí están, sumando ao resultado total na súa función de soporte.

Os vicepresidentes norteamericanos tamén ocupan un lugar discreto na arquitectura constitucional dos EE.UU. Un dos máis prescindibles de entre eles, Dan Quayle, definía a maxistratura con certo coñecemento de causa: «É un posto incómodo. Presides o Senado. Nin sequera es parte do poder Executivo, porque es parte do Lexislativo. Págache o Senado, non o Goberno. E despois a axenda política do presidente non é a túa axenda. As veces estás en desacordo, pero poste firme e cumpres as ordes o mellor que podes». Certamente Quayle axústase ao perfil. Incorporado ao tícket republicano tras o segundo mandato de Reagan, coa finalidade de darlle unha imaxe dinámica e nova ao candidato George Bush (pai), pronto se fixo famoso polas súas sonoras meteduras de pata; que contrastan coas nulas citas relevantes que del se conservan. En certa ocasión, xustificou unha afirmación en que «no pasado fixen bos xuízos. E tamén fixen bos xuízos no futuro». Ou cando proclamou, ao asumir o mandato do primeiro presidente Bush presidente de pilotar a Iniciativa de Exploración Espacial, que «Marte está esencialmente na mesma órbita que a Terra, e á mesma distancia do Sol, o que é moi importante…».

Porén, fronte ao modelo Quayle, algúns vicepresidentes figuran no frontispicio da democracia en Norteamérica. Por exemplo, o vicepresidente Lyndon B. Johnson, que abandonou o liderado dos demócratas no Senado (non sen pensalo moito, como ben reflicte o estupendo Woody Harreson que o caracteriza en Á sombra de Kennedy) para reforzar decisivamente a candidatura de JFK en 1960; e que pese as enormes distancias que separaban persoal e politicamente ao texano do europeizado e prematuramente asasinado presidente, impulsou de forma determinante a súa axenda política en materia de dereitos civís, igualdade racial e loita contra a pobreza; chegando a obter en 1964 unha das maiores vitorias electorais: o 61 % fronte ao 38 % do republicano Goldwater. Ou o propio Gerald Ford, que asumiu, cunha enteireza que o paso do tempo vai recoñecendo, o dificilísimo labor de recuperar a dignidade inherente á presidencia. No elenco das meteduras de pata de Quayle consta outra que pronunciou nun discurso: «Creo que estamos nun camiño irreversible cara unha maior liberdade e democracia… pero iso podería cambiar». Desgrazadamente, esta é un dos xuízos que fixo no futuro e que, grazas a Trump, semellan terse cumprido. A xa coñecida tendencia dos populistas de non aceptar as derrotas (¿como vai a perder as eleccións quen representa por si mesmo a todo o pobo?), emerxeu carnavalescamente co asalto ao Congreso dos máis excéntricos seguidores de Trump. Cadros, cabaletes e vidros tremeron. Pero aí estaba Pence, o moi conservador vicepresidente, como inesperado taco no muro da legalidade democrática, sostendo o gancho da democracia ben inserida na femia do seu marco. Extraordinario.