Casado tamén copiou

OPINIÓN

Fabián A. Pons | Europa Press

10 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Diversos estudos falan de que sete de cada dez universitarios recoñeceron copiar nalgún momento. É doado caer nesa tentación, sobre todo cando non tes estudada a materia. Sabes que ese feito vai contra certos principios, non só de legalidade, senón do mérito individual, e aínda así arríscaste a que te pillen e sexas expulsado, cando menos do exame. Nestes tempos de virtualidade, cunha mocidade máis preparada nas novas tecnoloxías que o profesorado, abriuse unha oferta mesmo de suplantación para aprobaren por ti eses exames online. Eu, que pertenzo a un tempo en que a artesanía apertaba a letra das chuletas até límites imperceptibles para o ollo humano, tamén estou nese 7 % e neste recoñecemento é onde podería estar o meu único mérito. Lembro que unha vez apañámoslle un exame dificilísimo a unha profesora e tratamos de implicar a toda a clase, especialmente a alumna máis lista, que tiña que contestarnos aquelas preguntas tan enguedelladas. Ela accedeu, sempre e cando houbese un compromiso por parte de todos de nos adaptarmos a unha cualificación que non chamase a atención. É dicir, os que adoitaban suspender conformaríanse co aprobado e os demais cun par de puntos por riba do habitual. Pareceunos xusto e organizámonos para que cadaquén contestase só as preguntas asignadas. O malo foi que o exame roubado non era o noso e a maioría da clase suspendeu, algo que empurrou a lista da clase a dicirlle todo á profe porque, na súa relaxación, ela apenas pasaba do aprobado. Nunca lle perdoamos esa actitude, como seguramente nunca lle perdoarán a Pablo Casado esta fuxida cara adiante no caso Bárcenas deixando colgados a compañeiros de partido cos que compartiu máis dun exame. E é que un non se pode desvincular dun pasado que tamén lle pertence.