O silencio dos biosbardos

OPINIÓN

Carlos García | Efe

26 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Odó é algo físico e a morte redúceo todo a un trauma que pode parecer unha porta pechada, sobre todo, se pensamos en como esta pandemia está a afectar a algo tan terrible como pode ser a perda dun ser querido e a imposibilidade de despedilo. Nun ano capitalizado polas novas da covid-19, con miles de mortes, hai coma un manto de silencio que cobre esa parte final do ser humano. Ocultamos a morte, negamos a cobertura porque non queremos ver imaxes que nos afecten. E, do mesmo xeito que nunca se fala dos suicidios, talvez para evitar un efecto de contaxio, semella que hoxe non convén deterse no sufrimento alleo que está a producir a pandemia. Abondan as cifras. Non queremos rostros para eses números, nin experiencias concretas que expresen esas traxedias. A rabia non se pode facer extensiva. Non queremos nin imaxinar que alguén poida verbalizar publicamente a súa esgazadura interior diante da morte dun familiar que morreu só nunha cama de hospital. Preferimos que esas persoas, que afrontan ese dó sen apertas, e ás que se lles roubou a despedida, sexan capaces de conducir toda a súa dor cara a un desexo nobre de silencio, malia que apeiten coa culpa do sobrevivente. A cadea mediática non se pode deter agora nas súas cuitas porque as vacinas están aí e ninguén debe minar a esperanza. Non queremos esperar máis. Así que o dó non pode formar parte do espectáculo informativo e os familiares dos falecidos terán que se conformar con converteren a súa dor en algo íntimo e privado, gardando nos recantos da memoria o rastro dun aceno suave, dun sorriso ou dun bico do ser querido que xa non está. Precisamos abrir todo axiña e crear a ficción de que non pasa nada para volvermos estar onde estabamos antes de pandemia: nos biosbardos.