Digo «ansiedade» e vénseme á cabeza a letra e a música dun bolero: «Ansiedad de tenerte en mis brazos»… Pero enseguida penso nunha sarta de nomes como a que soltou Errejón no Congreso: Valium, Tranquimazín, Diazepam, Lexatin.
A ansiedade é un estado de inquietude, pola carencia de algo que desexamos intensamente, como cantaba Nat King Cole. Ou unha expectativa dolorosa fronte a algo que infunde temor. É normal sentir ansiedade antes dunha proba de calquera tipo, xa sexa un exame ou unha análise de sangue. A expectativa da dor ou do fracaso provoca ansiedade. A da morte tamén, a case todo o mundo.
É normal que os que van recibir a vacina de AstraZeneca sintan ansiedade, temor a engrosar o pequeno número de afectados por unha trombose venosa pouco habitual na poboación. Déronse poucos casos e non se pode establecer unha relación de causa-efecto, e por iso, e polo ben da inmensa maioría, a Axencia Europea de Medicamentos recomendou que se siga utilizando esa vacina, porque os beneficios son moito maiores que os riscos.
Os que senten ansiedade diante desa perspectiva non son neuróticos, nin enfermos, nin uns cagados de medo. Son como ti e como eu, que nos gastamos o diñeiro nun décimo da lotería coa remota esperanza de que nos toque o gordo. A probabilidade é dun 0.001 %. E que? Coma se é do 0,00001 %. A alguén lle ha de tocar o gordo ou o ictus. Por que non a min? Paréceme admirable a capacidade de ilusión de quen xoga. E admiro aínda máis ós que se van vacinar, vencendo a súa ansiedade.