Na estrada que vai de Rota a Sanlúcar de Barrameda hai un bar rexentado por dous irmáns xemelgos imposibles de diferenciar. En certa ocasión un representante de licores preguntoulle a un deles se el era el, ou era o seu irmán. E agora, informa ese Intruso Honorífico chamado Felipe Benítez Reyes, «os xemelgos cóntano, e nunca sabes cal deles o conta, xa que en vez de xogar a ser dous, como sería o lóxico, xogan a ser ningún».
Circula por redes un vídeo no que a ministra portavoz do Goberno de España, nun acto de apoio ao candidato Illa nas eleccións autonómicas catalanas, afirma: «A pesar de que han querido retrasar las elecciones, a pesar de que han puesto mil y un problemas para no conseguir que vayamos a votar, ahí estamos, y ahí vamos a estar con seguridad… Si las elecciones no fueran seguras, un ministro de Sanidad… ¿creen ustedes que el candidato en Cataluña estaría haciendo la campaña y estaría haciendo el llamamiento al voto? ¿Imposible!». Entón, a incidencia acumulada da infección a quince días era en Cataluña de 321 casos diagnosticados por 100.000 habitantes. De seguido, aparece no vídeo a mesma ministra Portavoz, declarando en TVE, en relación coas eleccións autonómicas convocadas en Madrid esta mesma semana, cunha incidencia claramente inferior (224): «Por eso a mí me parece particularmente una locura la convocatoria de elecciones en este momento, en mitad de una pandemia, en una situación económica tan grave como la que vivimos, siendo Madrid tan importante en términos económicos…. Porque yo me pongo en la piel de los ciudadanos y pienso en que la gente estará pensando que a qué se dedica la política, ¿no?, que en vez de estar ocupados porque las vacunas se administren, porque podamos recuperar el empleo, ahora estamos en este embrollo…».
A estas autonómicas de Madrid vai presentarse o vicepresidente segundo do Goberno de España. Pensa dimitir cando comece a campaña electoral. A mesma persoa que criticaba ao seu compañeiro de Gabinete e candidato socialista en Cataluña por conservar a carteira ministerial ata o inicio daquela outra campaña. A renuncia do vicepresidente segundo levou a algúns a facer chanza da posible recuperación do soño por parte do presidente do Goberno, que ademais é o responsable formal de nomear ou cesar aos seus ministros e de decidir o momento en que facelo. O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE que afirmaba, cando aprobou o vixente estado de alarma, no que delegou a loita contra a pandemia nas comunidades autónomas, que «quienes ostentan el mando en su territorio siempre van a contar con el respaldo y asesoramiento del Gobierno de España, ningún reproche, al contrario, máxima colaboración». O mesmo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE que esta semana deu luz verde a tres mocións de censura, tres, en tres desas comunidades que sempre ían ter o respaldo e ningún reproche do seu Goberno.
Pode ser que a ministra portavoz, o vicepresidente segundo e o presidente do Goberno teñan senllos irmáns xemelgos imposibles de diferenciar. Ou pode que cada un deles, non estea a xogar a ser dous, senón a non ser ningún. Ao igual que os xemelgos do bar da estrada de Rota a Sanlúcar, cos que o Intruso Honorífico explica a voz «absurdo». Esa aparencia de falla de sentido no que acontece, que oculta a lóxica racional da loita do poder polo poder; e que leva a quen efectivamente debería asumir a responsabilidade das vacinas e do emprego a impulsar un gran enguedello para obter máis e máis poder.