Co gallo do Día Mundial da Terra cómpre reflexionar sobre o noso papel diante da idea do novo pacto verde, que leva desenvolvéndose no mundo máis dunha década. Dada a evidencia da crise climática, trátase de adaptarnos para vivir de xeito compatible coa redución de emisións, abordando tamén outros problemas que cuestionan o noso modo de vida, como a contaminación do aire e da auga, o tratamento dos residuos ou a perda de biodiversidade, ligada coa actual pandemia.
Europa, coa súa axenda verde, quere liderar esa transformación. China, afeita a planificar a longo prazo, amósase moi interesada na transición enerxética e ecolóxica desde unha economía altamente contaminante. A vitoria de Joe Biden e os seus movementos na liña dunha aposta verde ambiciosa eliminan un gran obstáculo para desenvolver globalmente políticas como o negacionismo de Trump na primeira potencia do mundo: tres bloques xeopolíticos aliñados na dirección do cambio. España pasou do escepticismo de Rajoy ao compromiso activo do actual Goberno progresista. A idea é que a transición ecolóxica non é opcional, senón inevitable, e o noso país debe actuar para situarse na vangarda dese proceso. Unha visión similar á europea: facer da necesidade virtude creando emprego, industria asociada ao proceso de transición xusta, máis benestar colectivo e menor dependencia dos países produtores de petróleo e gas.
Galicia ten vantaxes neste cambio global: boas condicións para as renovables; a maior superficie costeira de España, apta para desenvolver aínda máis unha economía azul que xa ten unha forte base; un sector bioalimentario asociado á calidade, así como un sector forestal importante pero pouco ordenado e que ten potencial produtivo e medioambiental. O que falla é a visión e a vontade política: o orzamento medioambiental da Xunta é de 199 millóns de euros en 2021, lonxe dos 295 millóns do 2009, último do goberno Touriño. A Rede Natura 2000 cobre en Galicia o 12 % do territorio, menos da metade da media estatal (27 %); a actual expansión eólica afecta a zonas que deberían formar parte da futura ampliación desa rede; estamos moi lonxe dos obxectivos europeos en reciclaxe de residuos e calidade das augas e o noso monte trócase aceleradamente nun monocultivo de eucalipto con perda de biodiversidade, coa Xunta mirando descaradamente para outro lado.
Europa obriga a que un 37 % dos fondos Next Generation se dediquen a transición ecolóxica, ocasión inmellorable para que Galicia supere a propaganda verde e asuma as súas responsabilidades e o seu lugar no futuro, evitando quedarse atrás.