Atención persoal

OPINIÓN

07 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia modificou moitos dos nosos hábitos, algúns tan arraigados que parecía imposible que se puidesen mover ou desaparecer. Un deles foi substituírmos nos centros de saúde a atención presencial pola telefónica, unha medida que espiu excesos e carencias do sistema, pero que talvez veu para quedar definitivamente, sobre todo aproveitando o seu uso para receitas e cousas de menor importancia. Agora ben, sen esquecer que aínda seguimos en pandemia e non convén amorear xente, hai franxas de idade para as que non poder ver o médico supuxo unha sorte de orfandade e, dalgún xeito, desatención. É certo que temos a percepción de que é un acto social onde a terceira idade adoita pasar o tempo para se atopar con coñecidos. Sería inxusto pensar que é unha sorte de entretemento para eles, facendo real aquel conto de dous vellos que, no centro de saúde, botan de menos un amigo ao que hai tempo que non ven por alí e temen que a súa ausencia se deba a que estea enfermo. Non. Para as máis das persoas ir ao médico non é algo banal e ten unha importancia que vai máis alá do psicolóxico. Por iso, agora que o Sergas fala de establecer un 60 por cento para a atención presencial, con catro días de demora, como máximo, ábrese a esperanza para moitas persoas que acoden aos centros de saúde na procura de algo máis ca unha receita. De calquera xeito, establecer porcentaxes, se non levan aparellados novos contratos de facultativos, pode ser inxusto e perigoso porque se está a penalizar un persoal médico desbordado e, sobre todo, incómodo por ter que dar unha atención rápida, case fabril, que nada ten que ver cos valores de equidade e solidariedade social que deben rexer os principios dunha boa sanidade pública.