O CO2, ese gas que sae como produto da combustión, é responsable da elevación da temperatura global do noso planeta, polo famoso efecto invernadoiro. É dicir: ese gas é transparente para a frecuencia do dial na cal nos chegan as ondas electromagnéticas que emite o Sol, pero cando esas ondas quecen a Terra e esta á súa vez as emite para fóra, a frecuencia á que as emite é distinta.
E ocorre que para esa nova frecuencia o CO2 xa non é tan transparente, senón que fai de espello e devólveas para a Terra, que se requenta. A actividade humana está xerando moito máis CO2 do que sería natural e como saberán isto é cada vez un problema peor, que necesitará cada vez medidas máis drásticas. Unha delas é a subida dos impostos ás empresas que emiten ese gas, un sobrecusto que está escalando de maneira tan salvaxe que está levando por diante a algunhas delas (lembren os peches das centrais térmicas de As Pontes e Meirama).
A pregunta é: E non se podería eliminar ese CO2? Por suposto, fano as plantas, pero o malo é que non dan a basto. Os científicos buscan entón remedios artificiais, pero ata agora eran relativamente caros. Digo «ata agora» porque, dada a escalada dos impostos por emisións, estamos chegando a un punto no que o custo do imposto se aproxima ao custo do sistema artificial de captura do gas. Hai unhas semanas deuse un paso que abaratará o prezo dese sistema, e cabe especular se nos atoparemos ante un novo réxime no tratamento destes problemas medioambientais.