Hai anos, fora moi comentada unha imaxe electoral de Fraga Iribarne en que aparecía francamente rexuvenecido verbo do aspecto real que tiña a aquela altura. A utilización do photoshop pode resultar deste xeito contraproducente e prexudicar, máis que beneficiar. Algo así está a acontecer con dona Emilia Pardo Bazán, desde hai meses, por mor da celebración do centenario do seu falecemento.
Toda conmemoración encerra paixón e entusiasmo pola personaxe que revive na memoria agradecida dos seus descendentes. É lóxico, aínda que tantas veces se esvaeza a diferenza entre o recoñecemento e o ditirambo. Ora ben, coa escritora mencionada dáse a circunstancia de que a tentación encomiástica leva a cometer erros de vulto, por contradición absoluta co seu espírito, a súa praxe e a súa produción textual. Isto é: non me refiro, no título deste artigo, a que ela retocase a súa imaxe, senón a como, cen anos despois, fan dela acredora de atributos que en absoluto posuíu e de prácticas que para nada exerceu. Un exemplo deste proceder deuno recentemente Isabel Burdiel, cando afirma que a Galiza entrou no canon literario grazas a ela, tanto en España como en Europa.
A historiadora semella ignorar acontecementos fundamentais da Galiza do século XIX, cal foi a revolución que supuxo o renacemento dunha conciencia que tivo na recuperación do galego como lingua escrita e culta e no inicio da construción dunha literatura nacional a súa consecuencia e, asemade, o seu axente principal. Este fenómeno histórico ten unha protagonista indiscutíbel: Rosalía de Castro, que chegou a ser coñecida e valorada en moitos lugares do mundo, distintos e distantes da Galiza, en por si, pola súa propia potencia, non por dispor de nengún holding promotor, nen estatal nen privado. Como muller, como galega e como escritora, Emilia Pardo Bazán é a súa antítese: a súa pretensión foi converter a literatura galega nunha subespecie adscrita á literatura española (a única que recoñecía como véritable literatura), de temática, decorado ou ambientación galega. Un locativo, pois, completado por un uso do galego como patois (así o definiu), como fala caracterizadora da clase servil. Isto, cando o galego xa era un idioma consagrado claramente nunha literatura culta.
Burdiel restaura, ademais, unha anticuadísima adscrición radial (con centro en Madrid) dos máis relevantes novelistas españois do XIX: Valera, Pereda, Galdós e Pardo Bazán. Ad maiorem Hispaniae gloriam. Ou sexa, «noventayochismo» avant la lettre.
A Galiza con conciencia de si navegou outros mares.