Un paso adiante

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | Efe

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En política hai que facer política. Parece unha obviedade, pero non está de máis recordalo cando asuntos que precisan resposta política se xudicializan, nun estado no que certos estamentos da xustiza funcionan como unha prolongación de posición partidarias. Politización que reiteradamente ten sinalado con contundencia o Grupo de Estados contra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO), advertindo que segue a ser o «talón de Aquiles da xustiza española».

Neste contexto abórdase a cuestión dos indultos do procés, indultos que o BNG ve con bos ollos e deben abrir camiño para dar unha resposta desde a política a unha demanda que existe: o dereito da cidadanía a construír unha Catalunya soberana expresado con contundencia e de xeito sostido no tempo, e dicir, non é algo pasaxeiro, senón un anhelo fondamente sentido por unha gran parte da sociedade dese país.

Pero aqueles que supostamente toman a liberdade como bandeira, prefiren contestar aos lexítimos desexos do pobo catalán desde a confrontación da praza de Colón, vociferando adxectivos de trazo groso ante a falta de argumentos, desde esa óptica madricentrista incapaz de entender que estamos nun Estado plurinacional, diverso, plural, plurilingüístico, con nacións que reivindican o dereito a decidir o seu futuro. Ignoralo é unha estupidez política.

Ante ese debate, vemos ao PP instalado no extremismo, facendo seguidismo do discurso rancio, monolítico e negacionista da extrema dereita, e todo iso nun Estado español cuxos gobernos non tiveron reparos en asinar indultos a condenados por golpismo, corrupción ou tortura. Por iso sorprende o cinismo, tamén desde as filas do PSOE, de quen agora considera anatema os indultos a responsables políticos cuxo único delito foi poñer urnas nas rúas.

Desde a radicalidade democrática, o BNG está a favor dos indultos. É máis, defendemos dar un paso máis aló a favor da amnistía para ensanchar o camiño da negociación e do diálogo, e dar unha solución política a un debate que require altura de miras, que pide deixar de lado a crispación e o oportunismo de quen utiliza este debate como arma de confrontación pensando no rédito electoral. Así non se constrúe o futuro.

Por iso, a oposición aos indultos só se explica baixo a máxima de «canto peor, mellor», desde a lóxica partidista dun PP confiado no desgaste do inquilino da Moncloa. Cando falta política de altura o que sobra é cálculo partidista, sen ter en conta que a democracia ten que abrirse paso ante o debate aberto en Catalunya. Deixemos que falen os pobos, deixemos que os pobos decidan.