Dinamita debaixo das pedras

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

emilio moldes

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Carme de Mogor, avoa de Antía e Brais, cóntalle aos netos a historia da Aira dos Mouros, territorio máxico da parroquia, debruzada sobre o mar de Marín, onde a finais dos anos 50 e nos primeiros anos 60 se ergueu unha barriada de pescadores en solares que o concello cedeu ao Instituto Social da Mariña. 

Alí naceron e medraron varias xeracións de rapaces e rapazas que, nos tempos do crecemento demográfico, coma greas de poldriños enchían as encostas e os camiños que levan ao mar.

Os nenos e as nenas fixéronse grandes e empezaron as preguntas: «Avoa, que son esas marcas, ese círculos nas pedras, eses buracos, esas formas estrañas?». Seica daquela non deixaban que os cativos baixasen ás laxes.

Era o campo dos mouros. Sígueo sendo. Territorio do misterio. Mellor non andar por aí, moito menos nas noites de lúa, tampouco polo san Xoán. Mais, desta vez, a avoa Carme dixo algo máis: «Aí é onde tiñan agochada a dinamita».

A dinamita dos mouros. Dado que o invento do enxeñeiro sueco Alfred Nobel é de 1867, habería que pensar que os tales mouros son ben recentes, bastante máis próximos a nós que os mouros do Ciprianillo e os que habitaban os castros.

Pero a avoa ten unha dimensión do tempo distinta.

Para ela, o que hai debaixo das pedras dos petróglifos de Mogor, unha das xoias do patrimonio arqueolóxico da Idade do Bronce galega, é dinamita.

Nunca eu sentira esta versión da historia. Por iso a traio hoxe aquí. A vella lenda di que o mundo sostense sobre dúas trabes cruzadas: unha de ouro e outra de alcatrán. Para chegar a elas cómpre saber o camiño, e mesmo as palabras coas que os tesouros se entregan aos humanos (Álvaro Cunqueiro dixit). Cada tesouro ten unha fórmula secreta que debemos coñecer para chegar a el.

É a teoría clásica do coñecemento pasada pola tradición popular. Para lograr a fortuna hai que saber e mais arriscar no envite, nunca hai triunfo seguro.

Pero, para entrar na partida, cómpre ter os coñecementos necesarios para non trabucar a escolla.

Se acertas coa trabe de ouro faraste inmensamente rico, ti e toda a túa estirpe. Pero se erras no camiño e bates coa trabe de alcatrán (a dinamita), o mundo enteiro saltará polos aires. Ante a posibilidade de se trabucar, o paisano reprímese e prefire non entrar no xogo.

Noutros lugares, a escolla está entre un saco de prata e tres sacos de pestes, atravesados no camiño que leva ao tesouro, ás veces cunha señoriña misteriosa na encrucillada, que fai a pregunta cuxa resposta, como na historia de Alí Babá, debe abrir a montaña.

A risco de ficar preso no seu interior, naturalmente. Como dixen antes, é a teoría do coñecemento (o saber é a chave do mundo) e a teoría económica do risco (non hai éxito sen fracaso, non hai vitoria que non contemple a posible derrota).

O que nunca escoitara é a versión moderna da dinamita.