Viaxar é un exercicio necesario. Necesitamos cambiar de rostros, de idioma, de costumes, de luz. Hoxe a viaxe é un acto democratizado, lonxe daquel grand tour exclusivo para ricos amadores da arte. Cando o facemos, tratamos de evitar a saturación, non só por algo físico que ten que ver co espazo vital, senón tamén como unha cuestión psicolóxica para poder gozar da beleza silente. Pasear a dous conversando, compartindo saberes e experiencias, con tempo para percibir o que acontece diante dos nosos ollos e facer noso o pensamento goethiano: os ollos do espírito teñen que traballar en alianza cos ollos do rostro para non correr o risco de ver e, porén, pasar por alto.
Gozar con vagar da luz prístina do mediodía, sen sombras, en contraste co noso solpor atlántico que consome o día ata a saciedade. As chairas de Castela son coma os nosos mares, sen límites; aquelas sienas e amarelas, os nosos azuis e verdes, con toda a grama cromática baixo o ceo de cadaquén. Castela non soportaría o mar, nin Galicia admitiría a seca planicie.
O contraste das extensións ceifadas coas altas escarpas calcarias onde aniñan os voitres. Paisaxes de culto, eses que nos gustan ao lonxe e de preto, cando nos achegamos aos núcleos humanos. Moito melloraron, coa democracia e os fondos públicos, non só as cidades, León, Palencia, Soria, senón tamén as poboacións como Calatañazor, hai anos presa do abandono e agora afrontando a xestión do turismo.
Despois das crises lanzámonos en masa á vía pública, ávidos de emocións, esquecendo que a masificación é o resultado do exceso de promoción e do insaciable negocio terciario. A máis consumo e banalización cabe opoñer máis cultura, marcar fitos e capacitar prescriptores e comunicadores. Xa non chega con restaurar; cumpre patrimonializar, é dicir, facer partícipes os cidadáns de que os conxuntos monumentais non son apenas testemuños do pasado, senón que nos comunican co presente e co porvir.
Nós teimamos en procurar a tranquilidade en lugares humildes, nas pequenas igrexas, todas abertas á visita, como a ermida de San Pelayo en Perazancas de Ojeda, que nos marabilla coa decoración da cornixa da ábsida e cos frescos do interior.
O pracer de revisitar é como o de reler, volver a empezar descubrindo o que antes non se vira. A memoria é una competencia humana que tanto pode atormentarnos como permitirnos vivir en paz. O que se necesita é sermos conscientes e gozar do contraste dos recordos co momento que vivimos.